Monday 29 de April de 2024

O Concello de Boqueixón inicia un programa de visitas guiadas gratuítas a distintos puntos de interese turístico do municipio


Pico Sacro, Centro de Interpretación, Ponte Ledesma e as Ínsuas de Gres centran as principais propostas de percorridos guiados

O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha un programa de visitas guiadas de balde a distintos puntos de interese turístico do municipio. A iniciativa permanecerá en funcionamento ata o vindeiro
mes de decembro. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa deberán realizar unha solicitude previa ao Departamento de Turismo a través do e-mail boqueixonturismo@gmail.com ou no teléfono 981 513 061.
“Con esta iniciativa pretendemos achegar o noso amplo patrimonio natural, histórico e cultural ao público, ao tempo que buscamos promover percorridos por espazos como o Pico Sacro, o Centro de Interpretación, Ponte Ledesma e as Ínsuas de Gres”, explica o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín.
“Estas visitas guiadas gratuítas correrán a cargo dun técnico en Turismo do Concello de Boqueixón e, para facilitar a asistencia, poderanse realizar calquera día da semana, sempre previa solicitude”, concreta o rexedor.
O programa de visitas guiadas está pensado para grupos de ata un máximo de 10 persoas. Deste xeito, garántese o cumprimento das medidas hixiénico- sanitarias de prevención contra a COVID-19. O transporte ata os lugares correrá a cargo das persoas asistentes. A duración das visitas será de
aproximadamente unha hora e media, aínda que dependerá do itinerario fixado previamente cos grupos solicitantes.
Aínda que se presentan tres itinerarios básicos –Pico Sacro, Centro de Interpretación e Ponte Ledesma/Ínsuas de Gres-, pódense combinar e, incluso, solicitar algún percorrido específico no que as persoas solicitantes teñan especial interese. “En definitiva, poderanse adaptar as visitas en función das necesidades o preferencias das solicitudes recibidas”, conclúe o alcalde. Neste caso, poderíase solicitar unha ruta de sendeirismo, como a do Río Grande ou a dos Pescadores, ou a visita a outros lugares do municipio.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a limpeza de mans con hidroxeles.